Raquel López Cascales naceu en 1968 e aínda segue viva. Medrou entre contos, punto de cruz e arroz con leite, todo caseiro e da man da súa nai (unhas cousas gustábanlle máis ca outras). Estudou TASOC en Alacant e un feixe de cousas interesantes das que non che dan diploma e non rematas nunca. Dende 1991 o seu oficio é o de contar historias.
E poderás preguntarlle: por que contas contos? E ela podería buscar respostas académicas, económicas e mesmo filosóficas, pero contestaríache «porque me gusta», que non é pouco.
Ten contado en prazas, bibliotecas, teatros, colexios, capelas, desertos, illas e montañas; con micrófono e a viva voz; de día e de noite; ante centos de persoas e en petit comité. Impartiu numerosos cursos e conferencias a pais e nais, persoal educativo e alumnado dentro e fóra de España para conversar, aprender, imaxinar, filosofar, experimentar e, sobre todo, rumiar contos.
É autora dos libros Amantes amados (2013) e Veintisiete abuelos son demasiados (2014), que gañou o primeiro premio no XXXII Concurso de Narrativa Vila d’Ibi.
Algúns dos seus espectáculos son: Una hora con Mario (1993), Entre mujeres (2006), Una historia con receta (2008), Contando zapatos (2009), Dime por qué (2010), El viaje del didgeridoo (2011), Amantes amados (2011), Amores, desamores y otros remedios (2012), Cuentos de la luz apagada (2015), Verbena (2016), Labrando palabras (2017), Hilos que tejen mitos (2019), Entre mujeres (2020), 8 cuentos en marzo (2021), Eros y Psique (2023) e Huesos (2024).
É membro de NANO (Narradores amb Narradors Organitzats, da Comunidade Valenciana) e de AEDA (Asociación de Profesionales de la Narración Oral en España).
Desenvolvemos? Eu tiven que buscar o que era, mais se cadra está xeralizado o uso…