Charo Pita naceu á idade de seis anos, cando rematou de ler o seu primeiro libro. É licenciada en Filoloxía e participou durante tres anos no curso regular de interpretación da escola Santart, impartido por Theodor Smeu Stermin e Carlos Álvarez-Ossorio. Viaxa en conto polo mundo: Galicia, España, Alemaña, Polonia, Nicaragua…

Leva narrando dende hai 30 anos relatos de tradición oral e de creación propia. Conta para todas as idades, dende bebés ata público adulto. O seu labor máis persoal céntrase na creación de espectáculos onde contar se mestura coa música ou o debuxo: Palabras PercuDitas, os Fonocontos, as Ollofábulas, Os gatos diabólicos, Miniaturas medievais, xunto con músicos e ilustradores como Óscar Villán, Francisco Luengo, Florian Vlashi, Manuel Vilas, Xoán Curiel, Magín Blanco, María Faltri, Jorge Juncal…

Participou tamén en montaxes bilingües de narración oral en inglés e galego con narradores do talle de Tim Bowley. Ten máis dunha vintena de libros publicados e recibiu algúns premios literarios, entre eles o Manuel Murguía de narracións breves (2018) ou o Illas Sisargas de poesía (2020). Colaborou como cantante e narradora no disco de Malandança Unha noite na corte do rei Afonso. En 2018 viu a luz o libro disco infantil No país do vento, no que desenvolve composicións propias.

Pin It on Pinterest

Share This