Medrei entre os contos que me contaba a miña avoa Carmela, uns era para que comera, outros para que non comera tanto, para que deixara de gabear polas árbores, para que levantara o cú, para que falara, para que calara…

Deste xeito, aprendín que había un conto para cada ocasión. Tanto conto me arrolou que quixen saber máis deles, polo que non quedou outra que estudar filoloxía pero como eu quería vivir entre contos, prepareime para ser bibliotecaria. Alí foi onde sentín que os contos queren saír dos andeis e é por iso que os levo comigo para que sexan escoitados. Outras veces, prefiro conversar con quen máis sabe e levar un anaco da nosa tradición no meu contar. E así é o meu contar, entre as historias lidas e outras contadas pasando polo maxín dunha muller que se esforza en lembrar a nena que foi.

Levo case unha década como narradora oral e como tal visitei moitas bibliotecas, colexios e participei en varias edición do Salón de Libro de Pontevedra, en festivais como o Sete Falares, Festival Atlántica, A boca chea… ou Contando Cuentos de Salamanca.

Na actualidade, conto para todo tipo de públicos, para quen non ten nin un ano e para que pasa dos cen.

Só se precisa orellas para escoitar, corazón para deixarse emocionar, e boca para sorrir. Ti sabes escoitar? Pois eu teño un conto para ti.

Pin It on Pinterest

Share This