Naceu e creceu na Arxentina obrigado a ler en segredo en anos de violencia social e ditadura. De pai e nai traballadores, medrou xogando na rúa, escoitando, vivindo e contando as historias do barrio. Para gañar a vida intentou ser actor e futbolista, tivo unha banda de música e traballou de carpinteiro, artesán e mesmo participou en política (pero isto último por convicción, non por cartos). Foi mestre de escola, albanel, carteiro e vendedor na rúa. Guía na natureza, pintor de obra e zapateiro. Fotógrafo de eventos e obreiro.
Co tempo emigrou a México, onde descubriu a beleza e a traxedia das culturas indíxenas, escoitou algunhas das historias máis bonitas de sempre e entendeu que os contos son un camiño onde entran moitos mundos. Dende entón destinou o seu esforzo a contar e escribir. Ten vinte libros publicados en diferentes linguas.
Actualmente vive en Portugal. É coñecido como O peor contacontos do mundo.