Nado en 1960 na parroquia de San Paio de Navia (Vigo) e veciño desde hai 20 anos da parroquia de San Xián de Sales (Vedra), gusta dos ámbitos híbridos onde a memoria rural e urbana se mesturan, dando lugar a curiosas historias transmitidas oralmente.
Comezou a contar nos anos 90 e desde entón estivo presente en todo tipo de espazos de narración oral na xeografía galega e peninsular, así como en festivais e programacións diversas en América Latina, Europa e a África lusófona.
Do 2000 ao 2008 foi profesor visitante na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo do Porto (Portugal), impartindo a materia A oralidade como ferramenta do traballo actoral. É tamén autor e director teatral, facetas nas que recibiu cumpridos premios (María Casares, Max) e recoñecementos (Premio Roberto Vidal Bolaño da Mostra de Ribadavia, Premio Xiria da Mostra de Cangas, Xograr de Outono do FIOT de Carballo, entre outros) e foi Premio da Cultura Galega en 2014.