© Foto: Luis Polo
Naceu en Ribeira en 1960, nunha familia taberneira de orixe labrega. Estuda en distintos colexios que practicaban a violencia como método pedagóxico e vai para a universidade a estudar Historia e Xeografía, carreira que non acaba aínda que segue a ser a sua vocación.
Entra en movementos políticos estudantís de orientación nacionalista, e ao mesmo tempo entra en contato com grupos de teatro. Neses anos 80 participa en espectáculos do CDG e de Antroido, e participa da fundación do grupo O Moucho Clerc, onde recibe a influencia definitiva de Xoán Cejudo, a quen asume como o seu mestre. Para esta compañía escribiría Um Códice Clandestino.
Nos anos 90 ten unha bolsa da Deputación da Coruña, frecuenta a Sala Nasa e acompaña a fundación de Mofa e Befa. Dirixe no CDG e no Teatro do Aquí. Nos últimos anos do milenio escribe O vello Sinbad e FinismundiCircus, e participa no programa da TVG Apaga a luz, adicado á música e á contada de historias.
No terceiro milenio fíxose vello e pódese lembrar un éxito no teatro público com Noite de Reis do Shakespeare, a participación no programa Operação Triunfo na televisión pública portuguesa, o inesperado suceso de Shakespeare para ignorantes con Mofa e Befa e a continuidade como contador de historias en festivais de todo o mundo, continuando o movemento que comezara nos anos 90 no emblemático bar Atlántico, a Sala Galán e a Sala Nasa. Nestes lugares, nos anos noventa, abrollou unha xeración que combina a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario: Cándido Pazó, Paula Carballeira, Roger Colom, José Campanari entre outras. Presentouse en diferentes festivais internacionais, como as Palavras Andarilhas de Beja, a Maratón de los Cuentos de Guadalajara, Festival de Agüimes, Historias y leyendas de Buga, El Caribe Cuenta, e os Sete Falares de Pontevedra. Nestes eventos foron recoñecidos como portadores dun estilo propio, unha denominación de orixe, un boom galego das contadoras de historias.
Na área teatral fai parte do proxecto das Producións Teatrais Excéntricas no que dirixiu o seu penúltimo éxito, O porco de pé, despois doutros como A cabeza do dragón, Un cranio furado ou Medida X Medida.