Estivo dende sempre ligado aos espazos escénicos, ben a través do teatro, do baile tradicional ou da música. De carácter inquieto e xoguetón, nunca faltará unha idea atolada na súa cabeza, unha mirada pícara e curiosa e unha argallada agromando nos seus beizos.

 

A comezos do novo milenio diplomouse como mestre, formouse no eido sociocultural e aprendeu a contar contos. No 2012, despois de case dez anos compatibilizando a narración oral con outros traballos, decide dar o paso e adicarse por enteiro a vivir do conto co seu proxecto A Trastenda dos Contos… e aí segue!

 

A narración de Caxoto defínese hoxe en día como intensa, emocional, retórica, chea de xiros e case sempre cómica cando non bufonesca. Un transitar entre as emocións, os ritmos, os tons e os tempos, nos que o conto e o contar son todo un. No seu repertorio, coma en botica, un pouco de todo: tradición oral, historias de vida, feitos históricos, contos de creación propia e algo de conto literario.

Pin It on Pinterest

Share This