Lorena Pinheiro sabe contar historias dende que as historias veñen a ela.
Críase nun bar de aldea no que aprende a aplicar o método da súa avoa: escoitar para captar toda a atención da familia nos xantares dos domingos, coas últimas novidades sucedidas na parroquia.
Lorena Pinheiro perfecciona o método Saladina formándose con Paula Carballeira, Celso Fdez. Sanmartín ou Raquel Queizás entre outros, para comezar a contar de maneira profesional no ano 2018. Forma parte dende os seus comezos do colectivo de narración oral NOGA.
Sendo unha das novas voces do panorama da narración oral galega, ten contado no Festival Falando a Boca Chea da Coruña, no Falar por Falar de Pazos de Borbén, no Festival Atlántica, no programa da TVG Luar xunto a Celso Fdez. Sanmartín, en bibliotecas, escolas, institutos e ducias de centros culturais.
No seu repertorio escoitaremos historias de vida, contos tradicionais e cando se anima, algunha cantiga das que Saladina cantaba nos seráns de Salvaterra, acompañada da súa pandeireta.