Titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia, entra en contacto co mundo teatral da man de Achádego Teatro e da Aula de Teatro da USC. Complementa estas experiencias cunha ampla formación tanto no eido da interpretación como na narración oral e a dramaturxia.
Como actriz ten participado en espectáculos de Ubú Teatro (da que é cofundadora) e EscénaTe e Pínconús. Como narradora oral posúe unha extensa experiencia en moi diversos ámbitos: festivais e ciclos de narración oral, programas de televisión, campañas escolares, itinerarios culturais, campañas de animación á lectura e rotas literarias, como a da novela A praia dos afogados, organizada pola Editorial Galaxia.
Posúe tamén unha grande experiencia como pedagoga teatral en diversos CEIP, IES e centros socioculturais. Tamén exerce a docencia sobre narración oral no Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo do Concello de Vigo.
No ano 2014 recibe o premio Varela Buxán de Dramaturxia pola súa peza Un intre antes do solpor. No 2017 foi finalista do premio Diario Cultural de Teatro radiofónico pola peza Veos. No 2018 foi nomeada ao premio María Casares de mellor texto orixinal por Resaca de Il Maquinario Teatro.
Traballou como dramaturga para compañías como Vía 6, Limiar Teatro, Il Maquinario e Galeatro. Na actualidade combina a súa faceta de narradora oral coa de dramaturga e é membro de Ubú Teatro e Pínconús.