Paula Carballeira naceu en Maniños (Fene, A Coruña), aínda que despois de licenciarse en Filoloxía na Universidade de Compostela quedou a vivir nos arredores. Narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Tivo a sorte de ser convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais (Portugal, Brasil, Polonia, Francia, Cabo Verde, Colombia, Chile, Perú, Ecuador, México, Costa Rica…). Ademais, mantén actividades regulares en bibliotecas e centros de ensino.
Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións infantís tanto na súa compañía coma no Centro Dramático Galego ou noutras compañías. Como autora, ten máis de trinta títulos publicados, tanto de narrativa coma de poesía ou teatro, moitos deles traducidos a varias linguas: portugués, inglés, italiano, coreano, catalán, éuscaro…, algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude.