MARTA ORTIZ

Narradora oral dende 2007. Conta historias para público de todas as idades. Moitas veces conta só coa súa voz e o corpo e outras acompáñase de música e obxectos cotiás.

Estudou maxisterio de primaria e especializouse en literatura infantil e realización de espectáculos. Deseñou e organizou actividades relacionadas coa animación á lectura, o fomento da oralidade e Teatro da Oprimida.

Fundou con Brais das Hortas a compañía Tropa de Trapo, coa que realizou ata o momento dez espectáculos con música en directo, teatro infantil, debate en escena e obradoiros educativos.

Xunto coa cantautora Sofía Espiñeira, actualmente realiza un novo espectáculo dirixido por Brais das Hortas: “Matrioskas”.

SOFÍA ESPIÑEIRA

Vencellada ás artes escénicas dende 2010, percorre os eidos do teatro, a danza, o circo e a música e participa en diversos proxectos artísticos.

É integrante da compañía Teatro ó cubo, con propostas escénicas para público familiar, bailarina e actriz nos concertos infantís de Xoán Curiel e música no espectáculo “Matrioskas” xunto coa narradora Marta Ortiz.

No 2015 afiánzase como cantautora tras gañar o II Certame de Canción de Autor en Galego que se celebra no concello de Teo, froito do cal nace o seu primeiro disco, “Alá onde agroman as herbas”.

Músicas que saen de dentro e de fóra, de sentimentos polos que a vida nos leva e de anécdotas e situación do cotiá. Entre íntimo e público, entre rabias, dores, alegrías e risas, Sofía Espiñeira irá mudando as emocións e as historias ao tempo que mudan os ritmos da súa guitarra, mergullando o público nun sentir común.

Pin It on Pinterest

Share This