Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias. O centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega coa obra “Saltimbanqui”, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Oliveira “Pico”, publicada en libro-CD (Xerais, 2008). Foi colaborador do grupo de teatro Pinchacarneiro, da Fundación Anade para persoas con diversidade funcional. Como poeta publicou LP en 2013 (Editora Emerxente) e Long Play (Edicións Xerais, novembro 2017, 2ª edición xaneiro de 2018) e foi gañador do Premio aRi[t]mar 2018 ao mellor poema publicado en 2017. É membro do Consello Directivo da AELG, implicado especialmente coa súa Sección de Literatura de Tradición Oral.