Salmantina, froito do contacto carnal entre un rosquilleiro e unha froiteira. Muller, feminista, sarcástica e dada ás veces á melancolía. Nai dunha filla. Actriz, narradora oral, independente, interdisciplinar indisciplinada e autónoma. Tivo a sorte de atopar desde moi nova un medio de vida baseado na improvisación e no xogo de palabras-xestos.
Nos seus espectáculos a palabra adquire unha gran forza combinada con xogos rítmicos sonoros, onde os obxectos sempre propoñen outro xeito de estar no mundo. Traballadora remunerada desde os 18 anos no mundo da farándula, no que exerceu de directora, produtora, condutora, carga e descarga, secretaria, dramaturga, actriz, etc… E sobre todo, PALLASA, cousa que a libera de caer no esquecemento… e dunha ponte.