Vero Rilo combinou a vida de mestra na Escola de Ensino en Galego Semente Compostela e a de contadora. Ata que se mergulla por completo no mundo dos contos. O ano 2013 emprende da man do acordeonista Santi Prieto o seu proxecto conxunto de narración e música para público familiar e crea a compañía Daboapipa, que continúa rodando polo país con pezas como “Contos de Animalario”, “Historias de vida, guerra, amor e case morte” e “Lavandeiras”, estas dúas últimas para público adulto. O rodar da vida e o interese pola primeira infancia fai que en 2017 forme a compañía Rilo&Penadique coa mestra, cantante e acordeonista Sonsoles Penadique, para profundizar no universo da narración e da música parabebés do que nace o espectáculo “ARRE RU” para pouco despois afianzarse como dúo coa proposta “O pozo das Señoras”. Na actualidade investiga os límites, puntos de encontro e desencontro do contar e cantar coa vocalista Faia Díaz en Apatacón. “Por unha peseta” é unha sesión en continúa construción onde voz narrada e voz cantada intentan achegarsepor menos de nada.

Ángeles Goás naceu nun pequeno barrio de Abadín, provincia de Lugo. Chegou a este mundo con présa, coma se algo lle urxira, sen saber moi ben o que… A tía Victorina e a mamá Flor andaban por alí de cando en vez e contáronlle os seus primeiros contos. Tanto lle gustaron que pegou o pedir un conto na súa boca. Soubo axiña que viñera ao mundo para escoitar, porque cando o facía nada lle urxía e dedicouse só a iso. Escoitaba a coñecidos e a descoñecidos, aos vellos e aos non tan vellos, aos parentes que viñan de lonxe e aos de preto, aos seus amigos, aos veciños… A súa casa estaba sempre chea de xente e a ela gustáballe perderse nas súas lembranzas, mirarlles aos ollos e ver a historia que tamén contaban, ás veces, sen palabras… De tanto escoitar, faltoulle o contar, foi unha nena tímida con moitas palabras dentro que se atrancaban e non sabían ir para fóra. Tiñan medo, por iso lle levou moito convencelas de que estar sempre dentro non era bo. Un día entendeu que quen escoita historias ten que contar algunhas (que non todo o que che contan se pode contar) e empezou, aos poucos, a buscar quen lle ensinase a facelo. Así, coñeceu grandes mestres, persoas que admira e espera que deixaran algo de pouso nela. Gústalle, sobre todo, contar do que lle contan, do que escoita, do que calou de nena… algunhas son histoiras tinguidas de realidade, outras coa tinta caprichosa da memoria outecidas con fantasía.

Carmen Conde é filóloga pola USC e dramaturga pola ENERC (Bos Aires). Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico. Autora de relatos breves para crianzas e persoas adultas, humorista de comedia unipersoal con varios espectáculos (“Las Muñecas Rusas”, “Trinidad”, “El Efecto Kuleshov” e “Contos Ultramarinos”.) Narradora oral autora de “Premios Darwin”, gañadora do premio á Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro, e de “Tabú”, actualmente en xira. Guionista en Dama Negra Films (curtametraxes de ficción) e en Falperra Producciones (longametraxe documental). Mestra de teatro no centro de Dano Cerebral de A Coruña ADACECO ata xaneiro de 2019. Co-organizadora do micro aberto Serpes na Cachola dende 2017 ata 2019. Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, con quen produce a serie da que é autora, “Premios Darwin”. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, microrrelato e narración oral. Gañadora do Slam de Poesía Oral Zona Norte en Bos Aires (2015). Gañadora da I edición do Slam Poetry Compostela (2018). Gañadora do Slam do II Festival “Alguén que respira!” (Compostela, 2019). Profesora de Arte Dramático e directora da Compañía de Teatro USC-Campus de Lugo.

Pin It on Pinterest

Share This