Cando Antonio, o seu pai, morreu Ángela tomou a decisión de que traballar e ser feliz deberían ser sinónimos. Deixando de lado as súas licenciaturas en Comunicación Social e en Publicidade e Mercadotecnia, renunciou ao seu cargo como redactora creativa nunha axencia de publicidade de Guayaquil e fixo a maleta. Nela basicamente había todo o que aprendera no seu país durante varios anos con importantes mestres locais de teatro e danza contemporánea; o que seu pai lle aprendera sobre subirse a un escenario; e roupa de adestramento: recorrería Sudamérica visitando e recibindo clases cos grupos de teatro e danza que máis admiraba. Así rematou o seu periplo en Brasil de onde regresou despois de catro meses de intensa aprendizaxe.

Xa de volta continuou no taller literario de Miguel Donoso Pareja co que presentou en 2008 o seu primeiro texto en solitario: “Nadie sabe qué hará mañana”. Antes, xa se publicaran outros textos seus en “Mensaje en una botella” edición do Banco Central del Ecuador. Sobre narración oral publicou: “Cuentos y tradiciones orales del Ecuador” coa editorial Eskeletra, “Historias de abuelos y cirgüelas”, “Cuentos y leyendas del cerro Santa Ana” e “Había una vez en Samborondón”, polo Teatro Sánchez Aguilar e o concello de Samborondón. Tamén foi incluída nas antoloxías binacionais Ecuador-Perú “Historias bajo el árbol” (2009) e “El desafío de lo imaginario” (2011). Atópase en edición o seu último texto “Tuétano”.

A danza contemporánea por falta de espazos na cidade tivo que deixala de lado, o teatro xa non enchía as súas espectativas… porén a narración oral de contos cambioulle a vida. Hai case dúas décadas que cos seus espectáculos de narración oral e os seus contos recorre importantes festivais de oralidade en Ecuador, México, Cuba, Costa Rica, Venezuela, Colombia, Perú, Uruguai, Arxentina, España e Francia. Foi candidata a “Mujer del Año en Arte y Cultura” en tres ocasións e declarada “Mujer del Año 2018 en Gestión Cultural” pola Revista Hogar. Tamén foi galardoada pola Gobernación del Guayas polo seu labor en xestión cultural.

Cun postgrado en Xestión Cultural obtido en España, é, na actualidade, a directora de Corporación Cultural Imaginario coa que organizaba o Encuentro Internacional de Narradores Orales “Un Cerro de Cuentos” que se realizou en Ecuador durante dez anos, e o de narradores infantís “Un Cerrito de Cuentos” que se celebrou durante 8 anos e que reunía no cerro Santa Ana e outros escenarios de Guayaquil e o país, a preto de quince mil persoas, simplemente para escoitar historias. Hoxe dirixe a Beca de formación de narradores orais infantís e as Jornadas de Oralidad y Docencia “Todo lo que inventamos es cierto”. Ademais é docente invitada por traxectoria da Universidad de las Artes.

Obtivo o seu mestrado na Universidade de Barcelona en “Construcción e representación de identidades culturais”, coa especialidade en Literatura, xénero e identidade.

Pin It on Pinterest

Share This