https://www.facebook.com/franciscocadaval.quicocadaval

Actor, director, dramaturgo e narrador oral, Quico Cadaval é un vello coñecido dos Sete Falares a onde volve para contarnos novas historias, algunas delas froito das súas temperás experiencias ou relatos que escoitou na súa vila, Ribeira.

Quico comezou nas artes escénicas desde ben novo. Tentou montar Os Vellos de Castelao aos 14 anos con Manolo do Monte e Milagritos. Para logralo mercou na Sanyg La construcción del personaje, atribuído a Constantin Stanislavski. Iso retirouno do teatro até os 19. Nesa altura foi seducido polas adocicadas palabras do Chino e de Lourido, e meteuse no teatro, como un sacerdocio. Tardou anos en detectar o que o oficio tiña tamén de prostitución. Na mesma altura, estudaba historia e arte na vetusta universidade compostelá, interesándose sobre todo polo visíbel e narrativo e aborrecendo o hermético e simbólico. Deixou provisionalmente eses estudos até a actualidade.

Foi empurrado para a dramaturxia polos que desconfiaban do seu talento actoral. Nos anos noventa descubriu que a sua doenza de falar era un oficio e reinventouse como narrador, descubriu o territorio libertario da Nasa e a Galán, acompañou o esplendor de Mofa e Befa e As Marías, asombrou o mundo dos contos cunha xeración na que cito a Candi e a Paula, fundou a Internacional Melancólica con Colón, e fixo radio con Cea e Buceta, con Xurxo e Belén co asombro de facer algo que non sabías que podías facer…

Pin It on Pinterest

Share This