https://www.facebook.com/celso.fernandezsanmartin

Celso afirma que leva recollendo contos e historias inconscientemente toda a súa vida, coma calquera. Pero desde hai anos vén recollendo e reacomodándoas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos. Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir…

“Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecéndoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan.

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén reinvento historias e contos, coma calquera…”

Pin It on Pinterest

Share This